Xente con vida

Blog Xente con Vida

Nenos e mozos 13/11/2014

Eu cociño, ti cociñas?

Vota:
Resultado:
(32 votos)
Compartir:
No CEIP Sigüeiro (Oroso, A Coruña) as mestras María Salgado e Pilar Rivas levan a cabo un interesante proxecto escolar cos nenos e nenas de 2º ciclo de Educación Infantil. “Eu cociño, ti cociñas?” é unha proposta metodolóxica innovadora onde a cociña e a alimentación saudable se converten no medio perfecto para traballar diferentes aspectos curriculares e desenvolver as competencias básicas dos alumnos.
Eu cociño, ti cociñas?
  • O proxecto conta cun blog divulgativo que serve de ponte de comunicación coas familias e coa sociedade xeral. Nel comparten o día a día da aula e suben videoreceitas de cociña onde os protagonistas son os nenos.
  • Esta experiencia contribúe a fomentar unha correcta educación nutricional dende a infancia e a traballar diferentes aspectos do currículo, como a lingua, as matemáticas, o coñecemento do contorno ou a autonomía persoal.

A aula de María Salgado e Pilar Rivas no CEIP de Sigüeiro é unha pequena cociña en miniatura, ao igual que o son os seus chefs, nenos e nenas de entre 3 e 5 anos de 2º ciclo de Educación Infantil.

Estos alumnos aprenden e desfrutan decotío entre tixolas, comparan e pesan alimentos, pelan e cortan verduras, mesturan ingredientes, gravan as súas propias vídeoreceitas de cociña e, por suposto, degustan as súas creacións culinarias para medir o resultado final nun “gustómetro”. Aí é nada!

Eles son a segunda xeración de cociñeiros dun proxecto educativo que vai xa pola quinta tempada. “Comezou no curso 2010-2011 cun grupo de traballo de varios mestres no marco do Centro de Formación e Recursos da Consellería de Educación. Era algo puntual que se realizaba unha vez ao mes”, conta María, unha das docentes responsables. Pero na súa aula foi tal o entusiasmo das familias e das mestras que a experiencia adquiriu unha dimensión maior. “As familias implicáronse moito, comezaron a traer electrodomésticos, facer a compra, traer ideas de receitas… Sen eles non sería posible”. Agora cociñan unha vez á semana e o resto dos días todo xira en torno á alimentación saudable como un veículo moi eficaz para desenvolver unha morea de competencias. “Non traballamos con fichas. Os nenos participan activamente e interactúan co seu medio físico e social a través da cociña”, explica María.

Educación nutricional… e moito máis

Estamos no outono e hoxe toca preparar un follado con produtos propios deste tempo. Os nenos, como en todas as receitas, están lonxe do lume, pero participan de todo o proceso. Divididos en grupos de traballo, cada un coas súas funcións, pesan, comparan e pelan as mazás; cascan as noces; estenden e perforan a masa…

As receitas tamén lles serven de escusa para bucear no refraneiro galego e nas adiviñas, crear cancións, propoñer creacións artísticas… Ademais, traballan a competencia lingüística e mesmo a matemática. A través da manipulación e da degustación, os nenos observan cualidades dos alimentos, realizan medicións, cuantifican, comparan, estiman.. e ata representan os seus gustos e preferencias en gráficos de barras (o “gustómetro”).

A educación nutricional é fundamental para fomentar hábitos de alimentación saudables xa dende pequenos, un obxectivo que dende longo cumpre con creces este proxecto. Os nenos, ademais, familiarízanse cos produtos autóctonos e de tempada, tan importantes nunha dieta equilibrada. De feito, de cando en vez tamén programan visitas á Praza de Abastos de Santiago ou ao Mercado de Sigüeiro.

Videoreceitas no blog

“Eu cociño, ti cociñas?” conta cun blog onde recollen a diario todas as súas experiencias. Alí tamén se suben as receitas gravadas en vídeo onde os protagonistas son os máis pequenos, que nos guían en todo o proceso de elaboración, dende a escolla dos ingredientes ata a presentación final.

Parte do segredo do proxecto ten que ver co entusiamo e a adicación das mestras, que lle rouban horas á familia e ao seu tempo de lecer para facelo posible. O outro gran apoio son os pais e nais, sen cuxa colaboración tampouco non sería o mesmo. “Eles aportan elementos de cociña, alimentos, vídeos, material para a aula, receitas…”, agradece María.

Traballando día a día con distintos alimentos e participando activamente nos procesos culinarios, estes nenos están familiarizándose tamén cunha das aprendizaxes máis importantes para a súa saúde, tanto de hoxe como de mañá: as bases dunha alimentación saudable e equilibrada.

Visita Eu cociño, ti cociñas?

Deixa un comentario