Neste artigo explicamosche as características e virtudes da dieta mediterránea.
A Dieta Mediterránea non é só un patrón alimentario se non que
constitúe un estilo de vida que a ciencia moderna nos invita a
adoptar en beneficio da nosa saúde, facendo dela un excelente modelo
de vida saudable. Constitúe unha valiosa herdanza cultural, que a
partir da simplicidade e a variedade deu lugar a unha combinación
equilibrada e completa dos alimentos, baseada en produtos frescos,
pouco procesados, cultivados localmente e de tempada.
Os expertos din que deberiamos falar de "axudas mediterráneas"
porque non hai un patrón dietético uniforme ao longo do Mediterráneo
pero si un modelo prevalente a mediados do século pasado nalgunhas
partes do Mediterráneo e que aínda subsiste en gran parte dos
países.
Está intimamente vinculada ao estilo de vida dos pobos
mediterráneos ao longo da súa historia e foi transmitida de xeración
en xeración dende hai moitos séculos. Foi evolucionando, acollendo e
incorporando sabiamente, novos alimentos e técnicas froito da
posición xeográfica estratéxica e da capacidade de mestizaxe e
intercambio dos pobos mediterráneos. A Dieta Mediterránea foi, e
continua sendo, un patrimonio cultural evolutivo, dinámico e vital.
Cando falamos de ingredientes característicos da dieta
mediterránea como a triloxía trigo, vide e a oliveira; os legumes,
as verduras, as froitas, o peixe, os queixos, os froitos secos, hai
que engadir un condimento esencial, quizais un ingrediente básico: a
sociabilidade.
A Dieta Mediterránea caracterízase pola abundancia de alimentos vexetais, como pan, pasta, arroz, verduras, hortalizas, legumes, froitas e froitos
secos; o emprego de aceite de oliva
como fonte principal de graxa; un
consumo moderado de peixe, marisco, aves de curral, produtos
lácteos (iogur, queixos) e ovos; o
consumo de pequenas cantidades de
carnes vermellas e achegas opcionais diarias de viño consumido con
moderación xeralmente durante as comidas. A súa importancia na saúde
do individuo non se limita ao feito de que sexa unha dieta
equilibrada, variada e cunha achega de macronutrintes axeitada. Aos
beneficios do seu baixo contido en
ácidos graxos saturados e alto en
monoinsaturados, así como en carbohidratos complexos e fibra, hai
que engadir os derivados da súa riqueza en substancias
antioxidantes.
Sabías que?
- As persoas que teñen unha maior adherencia á dieta
mediterránea (DM) teñen maior lonxevidade e menor mortalidade por
enfermidades crónicas. Os estudos publicados sobre mortalidade
falan dun 8 por cento de redución de mortalidade por cada dous
puntos de incremento de adherencia ao patrón de dieta mediterránea.
- Por cada dous puntos de incremento sobre nove de adherencia
á dieta mediterránea redúcese un 10 por cento a mortalidade por
enfermidade cardiovascular. Ademais de previr a enfermidade
cardiovascular, a dieta mediterránea tamén é moi útil no tratamento
de pacientes cardíacos. Comprobouse que os pacientes que se
someteron a by pass e seguían unha dieta mediterránea tiñan unha
supervivencia moito maior que aquelas que se mantiñan nunha dieta
baixa en graxa.
- A medida que aumentamos a adherencia á DM o risco de
diabete diminúe de forma importante.
- En varios estudos recentes conclúese que con altos niveis
de actividade física e de adherencia a dieta mediterránea a
incidencia de Alzheimer é moito máis baixa: 13% de diminución da
incidencia de enfermidades neurodexenerativas por cada dous puntos
de incremento de a adherencia á dieta mediterránea.
- A maior adherencia á DM, menos cantidade de nutrientes que
non chegan á inxestión recomendada. E ao analizar o patrón de dieta
occidental acontece o contrario: canto máis occidental, máis
refinada e menos residuos ten a dieta, maior é o número de
nutrientes que non alcanza as inxestións recomendadas.
- Nos anos 60 existía un índice de seguimento da DM bastante
alto na maioría dos países do mediterráneo. Non obstante, cando
analizamos a variación nos últimos 40 anos, Grecia, España e a gran
maioría de países están a abandonar o patrón alimentario
tradicional.
- A dieta actual galega, segundo os estudos máis recentes,
mantén características propias da dieta atlántica tradicional, como
se reflicte no feito de que entre os alimentos máis consumidos
destacan o peixe, o leite, as patacas e o pan; entre as verduras e
hortalizas destacan os grelos, as nabizas, as cebolas e os
pementos, e que as mazás son as froitas máis consumidas polos
galegos. O consumo de leite máis alto (máis do triplo) que o dos
derivados lácteos como o iogur e o queixo, o consumo baixo de arroz
e o elevado do pan son outras das características da dieta
atlántica, e marcan algunhas diferenzas co patrón da dieta
mediterránea tradicional.
- O termo debémosllo ao Dr. Ancel Keys que relacionou a dieta
mediterránea e a enfermidade coronaria. Viviu 100 anos e foi o
pioneiro do Estudo dos Sete Países.