A realización de actividade física na infancia fará que os nenos e nenas se sentan competentes nas súas habilidades físicas e, probablemente, fará que sexan máis activos durante a idade adulta.
Beneficios da actividade física na infancia e na adolescencia
Antes de pasar a expoñer as recomendacións para este grupo de idade,
lembraremos os beneficios asociados á realización de actividade física na infancia e adolescencia: - Mellora a forma física, a función cardiorrespiratoria, a forza muscular e a masa ósea e, ademais, diminúe a graxa corporal e axuda a manter un peso saudable.
- Mellora a saúde mental: mellora a autoestima, reduce os síntomas de ansiedade e depresión e diminúe a tensión. Ademais é divertido e axuda a sentirse máis feliz!
- Ofrece oportunidades de socialización e a aprendizaxe de habilidades.
- Aumenta a concentración o que contribúe a ter mellores resultados académicos.
- Favorece un crecemento e desenvolvemento saudable.
- Mellora as habilidades motoras, a postura e o equilibrio.
- Diminúe o desenvolvemento de factores de risco asociados a enfermidades crónicas na vida adulta como enfermidades do corazón, hipertensión, diabetes tipo 2, hipercolesterolemia (colesterol elevado), obesidade ou osteoporose, xa que moitos destes factores poden desenvolverse nas primeiras etapas da vida.
Se ademais de realizar actividade física regular,
o comportamento sedentario é baixo contribúese a: - Mellorar a forma física e manter un peso saudable.
- Facilitar un maior desenvolvemento de habilidades sociais.
- Mellorar a aprendizaxe e a atención, o comportamento e o rendemento escolar.
- Mellorar as habilidades da linguaxe.
- Mellorar a autoestima.
- Ao non pasar tanto tempo sentados, en casa ou xogando sós con tabletas, consolas ou outras pantallas, teñen máis tempo para divertirse coas súas amigas ou amigos e aprender novas habilidades.
Recomendacións de actividade física, sedentarismo e tempo de pantalla para menores de 5 anos
As recomendacións para este grupo de idade, ao ter cada nena e neno un desenvolvemento diferente, establécense en función de se comezaron xa a camiñar ou non.
A. Nenas e nenos que aínda non andan
- Promover que realicen actividade física varias veces ao día en contornas seguras, particularmente mediante xogos no chan ou actividades supervisadas na auga (xa sexa en piscinas ou á hora do baño en casa): moverlles de forma pasiva os seus brazos e pernas, estimulando os músculos; no baño axudarlles a facer movementos para chapuzar, etc.
- Reducir os períodos sedentarios prolongados. Minimizar o tempo que pasan sentados ou suxeitos en cadeiras, carriños ou balancines, cando están espertos, a menos de 1 hora seguida.
- Para menores de dous anos recoméndase evitar que pasen tempo diante de pantallas de TV, computador, teléfonos móbiles, etc.
B. Nenos e nenas que xa andan
- Promover que sexan fisicamente activos durante polo menos 180 minutos ao día(3 horas), distribuídos ao longo do día, incluíndo diferentes tipos de actividade física:
- Actividades estruturadas e xogo libre, tanto dentro como fóra de casa.
- De calquera grao de intensidade. A medida que os nenos e nenas crecen é necesario ir aumentando gradualmente a intensidade da actividade.
Exemplos:
- Un triciclo ou bici permítelles desenvolver forza nas pernas.
- Animádeos a camiñar e a correr.
- Axudádeos a saltaricar.
- Lanzade e recollede pelotas xuntos.
- Bailade e cantade cancións nas que, por exemplo, haxa que tocar varias partes do corpo.
- Etc.
- Reducir os períodos sedentarios prolongados. Recoméndase non dedicar máis de 1 hora seguida, cando están espertos, a actividades sedentarias como estar sentados ou suxeitos en cadeiras, carros ou balancíns, ou ver a televisión, xogar co teléfono móbil, computador, videoxogos, etc.
LEMBRA!
- De 0 a 2 anos: Non se recomenda pasar tempo diante dunha pantalla.
- De 2 a 4 anos: Non se recomenda pasar máis de 1 hora ao día diante dunha pantalla.
Fontes